Ardentía: obra poética completa

Páxina Anterior

Non vexo Vigo nin Cangas. Escolma.

Páxina Seguinte

v1bernardinogrananonvexovigo.html

VIETNAM 1972

Cando enfrontados ventos,
cando o ceremonial do caos e asembleas,
cando os grandes negocios, guerra en Asia,
palabras e palabras: París, baile,
cando caen as bombas pola selva
contra o paxaro azul que lembra o ceo,
contra da fe e da casa e da xustiza,
erguéndome pra alá destas murallas
-era cristiá, mil novecentos
setenta e dous, xa primavera,
pero primeiro en tendas, en "percales"-,
sinto o cachón do sangue coma un "geyser"
na indiferencia, nas noticias falsas,
namentres Nixon, Kissinger, Van Thieu
fan sorrintes sermóns, falan e falan,
e en París segue a farsa.

Eu resisto na selva de palabras,
de rañaceos, de fumes, de milleiros
de coches, ruídos, tráficos, papeis,
resisto as mil promesas, as noticias
monótonas, iguais, as esperanzas,
avances, retrocesos, tantalismo,
escenas de matanzas en Quang-Tri,
e, coma voz clamante no deserto,
síntome canso de Vietnam, dos nenos,
mulleres, vellos... mortos, mentres Nixon fala...

E se o sol e a lúa e tanta estrela,
Vietnam, A China, o Polo, o Universo
non son de USA ou Rusia ou dos marcianos,
atrevereime a estar inda en guerrilla
neste noxo de vida, entre as mentiras,
e xurarei que sinto dor e xiria
cando todos me afunden nunha noite,
cando millóns de astáticos
non nos contruban soño e dividendos
se están sen paz, sen pan e sen palabra.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega